O Encaixe no Camiño e a Festa do Marisco regresan un ano máis a Camariñas

A conta atrás xa comezou. Camariñas volverá converterse nun escenario único onde a historia, a tradición mariñeira, a artesanía e a gastronomía se darán a man coa celebración dunha nova edición de O Encaixe no Camiño, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de xullo de 2026.

Un evento que, ano tras ano, continúa medrando e consolidándose como unha cita imprescindible do verán na Costa da Morte, ofrecendo unha experiencia pensada para veciños e visitantes de todas as idades.

Como gran novidade que xa se estreou con éxito na pasada edición, a Festa do Marisco celebrará o seu segundo ano consecutivo, reforzando a aposta por poñer en valor un dos grandes tesouros gastronómicos do noso litoral. A iniciativa, organizada en colaboración coa Cofradía de Pescadores Virxe do Monte de Camariñas e a Cofradía de Pescadores de Camelle, permitirá degustar produtos do mar de primeira calidade nun ambiente festivo e tradicional.

Durante os tres días haberá mercado medieval, recreacións históricas inspiradas na chegada do rei Afonso IX a Camariñas, música tradicional, animación de rúa, espectáculos, xogos populares, desfile de palilleiras e numerosas actividades que encherán as rúas da vila de ambiente e cor.

A Festa do Marisco, que se celebrará o sábado 25 de xullo a partir das 19:00 horas na Praza do Mercado, será un dos momentos máis esperados da programación, combinando a mellor gastronomía local coa actuación do grupo «O Tren da Unha», encargados de poñer a banda sonora á xornada.

Desde a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas animamos a todos os visitantes a achegarse e descubrir un evento que une patrimonio, cultura, tradición e sabor nun enclave incomparable.

Camariñas volverá abrir as súas portas para vivir unha fin de semana inesquecible. Agardámosvos do 24 ao 26 de xullo en O Encaixe no Camiño 2026!